O director do documental e responsable de Namche Films S.L., Enrique Banet, presentou hoxe o documental «O salario do silencio», que pretende informar sobre o «perigo» e as «irregularidades» do proxecto de Reganosa (Pranta de Gas na Ría de Ferrol) para contrarrestar ao «silencio» e a «manipulación» informativa.
Durante o acto de presentación en Santiago, Banet sinalou que a planta de gas de Mugardos constitúe «unha bomba» e un «perigo» para 150.000 persoas, criticou ás formacións políticas que «gobernan e gobernaron» e recalcou que o proxecto de Reganosa «non se axusta» á normativa que «eles mesmos ditaron», xa que os informes favorables que emitiron os organismos implicados están condicionados ao cumprimento do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas (Raminp) e da normativa relacionada que «non se cumpre».
En canto ás accións policiais contra a mobilización dos mariscadores e á detención do patrón maior da Confraría de Ferrol, Bernardo Bastida, Enrique Banet asegurou que a presenza de cidadáns na ría «foi legal», xa que a lexislación establece que se lles debe notificar a entrada dun gaseiro destas características «con 72 horas de antelación».
Ademais, a produtora executiva de ‘O salario do silencio’, Mabel Rivera, afirmou que as reaccións políticas en torno á mobilización na Ría de Ferrol denotan unha «alta traizón» á cidadanía, e subliñou que as accións policiais contra a mobilización cidadá fixeron que a vila «parecese a Ferrol de Franco.
Mabel Rivera mostrouse crítica co bipartito e recordou que participou no movemento ‘Hai que botalos’ para o cambio de Goberno autonómico. No entano, apuntou que «non se arrepinte» xa que «o fixo polos cidadáns».
«ESCÁNDALO POLÍTICO E ECONÓMICO»
Pola súa banda, o presidente do Ateneo Ferrolán, Eliseo Zaera, insistiu en que a instalación de Reganosa na parroquia mugardesa de Mehá «choca frontalmente» coa base naval de Ferrol, así como co proceso para declarar a ría Patrimonio da Humanidade e a presenza de depósitos arqueolóxicos «a 50 metros» da planta regasificadora. Tamén denunciou que a prisión provisional sen fianza que se aplica a Bernardo Bastida correspondería «a un terrorista».
Finalmente, o representante do Comité Cidadán de Emerxencia, Alexandre Carrodeguas, afirmou que a situación constitúe o maior escándalo político e económico da democracia en Galicia, e insistiu en que Reganosa está baseada en mentiras e incumpre normativas». Así mesmo, subliñou que o Comité «paraliza o que tería que paralizar a Xustiza» e acusou esta de encontrarse «condicionada politicamente» e de «criminalizar» á cidadanía.
Por último, Mabel Rivera sinalou que ‘O salario do silencio’ se proxectará en distintas cidades galegas e se distribuirá en formato DVD, por un importe de 12 euros. Os beneficios destinaranse á Confraría de mariscadores da Ría de Ferrol.
No se han encontrado comentarios