Desde Arredamo informan que: varios membros do equipo de produción e creación do filme explicaron o proxecto (Hai que botalos!) e responderon ás preguntas dos xornalistas. Mabel Rivera leu o Panfleto Electoral que acompañará as proxeccións de «Hai que Botalos» por toda Galiza.


Panfleto electoral

O día 19 de Xuño non acaba o mundo. Pero é un día importante. Galiza ten a oportunidade de definirse acerca de si mesma. Díxoo moi ben o Presidente Fraga hai pouco tempo. Galiza ten que escoller entre o prestixio e a aventura.

Como colectivo comprometido coa cultura e a sociedade galega, Burla Negra decidiu implicarse na campaña electoral a favor da aventura. Entre outras razóns porque o Prestixio do Señor Fraga afundiu definitivamente, hai case tres anos, a duascentas millas da nosa costa.

Dentro de Burla Negra, e noutros colectivos do movemento social galego, temos a convicción de que Galiza é un país maduro con recursos humanos e culturais dabondo para valerse por si mesmo. E como tal país, dono de si e capaz de afrontar os desafíos que se lle impoñan. Pero tamén pensamos que para desenvolverse plenamente como país, a nosa sociedade debe atreverse a arriscar.

Moitas e moitos de nós estamos desencantados coa clase política en xeral. Non o queremos ocultar. Pero iso non significa que non reclamemos o noso lexítimo dereito a participar activamente na vida política galega. E hai que dicir ben alto e claro que o Partido Popular de Galicia impide de maneira sistemática a participación dunha boa parte da sociedade galega na construción do país. Insultos, ameazas e listas negras forman parte do seu caduco estilo político.

Por esta razón tivemos que xuntarnos máis de trescentas persoas e facer vintecatro curtametraxes sen un peso, para que a xente que queira poda ver en imaxes cal é a situación do país desde outras perspectivas. Aí ao lado, en Europa, a isto de ter varias perspectivas sobre as cousas, chámanlle democracia, e por aquí andamos moitas e moitos con vontade de importar este concepto á nosa terra.

Non sabemos se o «boto» abrirá novas vías no país. Pero é a nosa maneira de reclamar outra forma de facer as cousas. Pensamos que antes de nada hai que airear a casa e botar fóra os fantasmas que nos prenden a un modelo social e político esgotado e inútil. Iso é o que cabe decidir nestas eleccións, se aceptamos continuar co caciquismo e a intolerancia ou se pola contra, decidimos implicarnos sen medo no avance real e democrático da nosa sociedade.

O día 19 imos ter festa rachada, pase o que pase. Para nós chega con celebrar o traballo e o empeño de tantas persoas que se sumaron a un obxectivo común, que conseguiron coordinarse para expresar e pór na pantalla unha idea colectiva, centos de persoas que en toda Galiza colaboran xa de maneira activa para facer chegar ao resto da xente estas vintecatro visións cinematográficas da nosa realidade.

Este esforzo cívico e social significa que temos unha sociedade viva e libre, disposta a comprometerse na construción deste país, unha sociedade capaz de cooperar e tecer novas redes de acción e participación. Unha sociedade consciente de que o país é cousa de todas e todos e non só dos políticos. E por isto, sen formar parte de ningún partido, queremos aportar a nosa «pedra de granito» a estas eleccións. Para que se teña en conta que existen outras visións sobre Galiza que só se poden resumir nun lema: Hai que Botalos!